Xornada de Redefinición de Acampada Obradoiro

Asemblea | Convocatorias

Publicado por o 25 de Febreiro de 2012 ás 0:04h

Hai xa varios meses que a Acampada do Obradoiro vén levando adiante diversas iniciativas, quer a través dos grupos de traballo e comisións xurdidos durante e tras a acampada, ou de xeito coordinado con diversos colectivos e asociacións. Se ben consideramos que esta flexibilidade e dinamismo das e dos activistas é algo positivo, entendemos tamén que, para termos un futuro como movemento, é o momento dunha reflexión colectiva profunda que contribúa a asentar os nosos principios, eidos de traballo e estruturas de coordinación interna e externa.

Por iso, organizamos a Xornada de Redefinición da Acampada Obradoiro, que terá lugar o vindeiro domingo, 26 de febreiro a partir das 16:00h no local da Asociación Xuvenil Ítaca (rúa do Pombal, 18, baixo, Santiago de Compostela), e na que vos convidamos a participar, sempre cun espírito construtivo.

Para seguir co principio de transparencia que tentamos manter, tanto a orde do día coma o esquema de desenvolvemento desta Xornada están sendo elaboradas colectivamente a través do grupo de Facebook REDacampadaSCQ, onde estamos creando os puntos de debate e as dinámicas que imos empregar e que, esperamos, permitan achegarnos a decisións concretas. Porén, non queremos precipitarnos, polo que non se descarta amplialo debate a varios días se o consideramos necesario.

Aproveitaremos tamén para dar conta e informar das novas plataformas e iniciativas xurdidas ao carón das relacións establecidas durante estes meses e estudaremos as posibles sinerxías entre elas e con outros colectivos.

Queremos aclarar que non é a nosa intención, nin o foi nunca, adoptar ningunha estrutura oficial (asociación, partido…), xa que consideramos que as dinámicas propias do chamado movemento 15M, as que contribuíron a espallalo e que fomentaron a participación individual da cidadanía, chocan frontalmente con este tipo de organigramas máis ou menos ríxidos. Seguimos implicándonos a título persoal, traballando voluntariamente e organizándonos coma un movemento social aberto á participación de todas as persoas, e que non quere que os seus principios sexan utilizados en beneficio dun grupo nin, por tanto, ser fagocitado por ninguén.

Queremos que o desenvolvemento desta xuntanza sexa operativo, xa que resulta urxente dado o momento político e social actual, provérmonos duns mecanismos e estruturas firmes que nos permitan responder adecuadamente aos cambios, que se suceden a sorprendente velocidade. Por iso é fundamental tanto o espazo de debate como a achega de propostas concretas que nos axuden a acadar estes obxectivos. É fundamental que avancemos e non nos estanquemos en discusións improdutivas ou persoais. Apelamos para iso á implicación, paciencia e tolerancia das e dos participantes para co grupo e a súa operatividade.

Máis | Evento no FB.


Os comentarios están pechados.